Conclúe o taller de albanelaría de Moraña co remate das obras na piscina de Mirallos e no local cultural de Amil

Umia
24 de setembro 2020

Os participantes neste plan de emprego continuarán a súa formación en Valga, mentres que ao municipio chegarán agora os alumnos do obradoiro forestal

Os traballadores do plan de emprego de albanelaría de Moraña remataron os vestiarios da piscina e o local cultural de Amil
Os traballadores do plan de emprego de albanelaría de Moraña remataron os vestiarios da piscina e o local cultural de Amil / Concello de Moraña

O alumnado do taller de emprego Ulla-Umia IV acaba de concluír as obras de remodelación do edificio dos vestiarios das piscinas municipais de Mirallos e do local cultural de Chan de Amil, en Moraña. Con este remate dáse por terminado o módulo de albanelaría que dá o salto agora a Valga, mentres que Moraña chegarán os participantes no obradoiro forestal.

Os participantes deste taller traballarán no municipio durante os dous próximos meses e ocuparanse do acondicionamento de dúas sendas fluviais: a dos regos Catañosa e Gundeiro, na parroquia de Amil, Rebón e San Lorenzo; e a de Cornide, entre Saiáns e Gargantáns.

Esta actividade formativa está financiada pola Xunta con 336.000 euros e estivo paralizada durante 116 días como consecuencia do estado de alarma e a crise da Covid-19 que obrigou a reorganizar todas as actuacións dos traballadores e a solicitar unha prórroga ao goberno autonómico para poder finalizar as obras en marcha.