Conclúen as obras do novo centro médico de Carballedo

Cerdedo Cotobade
18 de agosto 2014

O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, espera que os pacientes poidan utilizar a nova instalación "este mesmo inverno". O Concello reformará as inmediacións da instalación habilitando 60 novas prazas de aparcadoiro

Visita ás obras para converter o multiusos de Carballedo nun centro de saúde
Visita ás obras para converter o multiusos de Carballedo nun centro de saúde / Xunta de Galicia

O centro multiúsos de Carballedo xa está preparado para acoller o novo centro médico de Cotobade, segundo confirmou o alcalde Jorge Cubela.

Os traballos de reforma do inmoble concluíron, polo que Cubela espera que o traslado se produza o antes posible e os pacientes poidan usar as novas instalacións "este mesmo inverno".

Unha vez habilitados os máis de 200 metros cadrados do multiusos, o Concello procederá agora a mellorar as inmediacións cun proxecto de urbanización da rúa lindante, ademais de limpar e pintar a fachada.

Desta forma adaptaranse as beirarrúas para facilitar o acceso de persoas con mobilidade reducida e construirase un aparcadoiro en batería con capacidade para 60 vehículos.

O centro de saúde da Chan, en Carballedo, contará con cinco salas nas que se prestará o servizo de Atención Primaria.