Conclúen as reparacións na sede de Protección Civil de Poio

Poio
31 de marzo 2022

A actuación contou cun orzamento superior aos 20.000 euros

Base de Protección Civil de Poio Concello de Poio

Remataron as obras de mellora nas dependencias da sede da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio, que están emprazadas no Centro da Reiboa, na parroquia de San Xoán.

Os labores centráronse fundamentalmente no acondicionamento da fachada exterior, así como á substitución das fiestras para evitar a condensación e as filtracións de auga, problemas que se rexistraban especialmente durante o inverno e cando se producían inclemencias meteorolóxicas.

A obra foi executada pola empresa Construcciones y Fachadas García SL, logo de que se levase a cabo o pertinente concurso de licitación. O orzamento do proxecto supera os 20.000 euros. Deste xeito, queda o novo illamento contemplado no proxecto técnico elaborado polo enxeñeiro municipal. 

A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, salientou a a necesidade de dar resposta ás demandas de Protección Civil de Poio. "Estamos a falar dun colectivo de voluntarios e voluntarias que realizan un labor encomiable para a veciñanza", sinalou a titular de Seguridade Cidadá, que destaca o traballo realizado "nos momentos máis críticos da pandemia da COVID-19" ou as máis de 500 intervencións desenvoltas ao longo do ano pasado.

As obras de mellora efectuadas na sede de Protección Civil súmanse a outras iniciativas impulsadas desde a Administración municipal, como a dotación dunha partida específica para a renovación dos uniformes ou as xestións feitas para adquirir unha 'pick up' adaptada ás necesidades dos traballos específicos como pode ser a extinción de lumes.