Conducir mal nas rotondas ten o seu castigo

Pontevedra
30 de outubro 2017

As rotondas son, habitualmente, as vías por onde peor conducimos. Tráfico adoita incidir nelas durante as súas campañas de educación viaria. E si, infrinxir as normas nelas ten o seu castigo. Iso descubriuno un pontevedrés, que foi sancionado pola Policía Local

Rotonda na rúa José Malvar PontevedraViva

As rotondas son, habitualmente, as vías por onde peor conducimos. Tráfico adoita incidir nelas durante as súas campañas de educación viaria. E si, infrinxir as normas nelas ten o seu castigo. Iso descubriuno un pontevedrés, que foi sancionado pola Policía Local.

Os axentes multaron este condutor o 27 de outubro de 2016 por acceder a unha glorieta sen ceder o paso a un vehículo que circulaba por ela. A infracción foi de 200 euros e a retirada de catro puntos do carné de conducir.

O afectado decidiu presentar un recurso nos xulgados pedindo a nulidade da sanción. Alegaba que o feito non sucedera e na sanción, que non foi notificada no acto, non se recollía nin unha descrición do incidente nin os datos do outro vehículo.

O xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra estimou en parte este recurso e, aínda que mantivo a sanción de 200 euros, retirou a perda dos catro puntos.

Afirma a sentenza que dita infracción, segundo a lei de tráfico, non leva aparellada a perda de puntos. Iso si, advirte tamén que o feito de que non fose notificada no momento non supón, de ningún modo, indefensión na persoa sancionada.

Outro xulgado, o contencioso administrativo número 1, confirmou tamén outra sanción de tráfico. Neste caso mantén os 300 euros de multa e a retirada de tres puntos que se lle impuxeron a un home o 18 de novembro de 2016 por utilizar o móbil mentres conducía.