Estudantes de panadería, repostería e confeitería, restauración, cociña e gastronomía do CIFP Carlos Oroza preparaban este xoves uns olorosos e saborosos menús no Centro de Recursos Educativos da ONCE (CRE) en Pontevedra.
A dirección deste centro programara esta comida dentro dos actos do seu 75 aniversario pero os invitados tiñan que cumprir cunha condición básica para degustar estes pratos: taparse os ollos cun anteface.
Esta "experiencia a cegas" provocou múltiples sensacións entre as numerosas personalidades que se achegaron ata o CRE para participar nesta proposta. A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva, compartía mesa con Ana María Ortiz, delegada do Goberno; coa presidenta do Pontevedra C.F. e deputada do Partido Popular, Lupe Murillo; coa concelleira de Servizos Sociais, Anxos Riveiro; co xefe provincial de Educación, César Pérez Ares ou coa portavoz de Cidadáns, María Rey.
Ao acto tamén asistiron representantes de diversos colectivos e de medios de comunicación.
A idea, segundo afirmaba na súa presentación o director do CRE, José Ángel Abraldes, é que calquera comensal comprobe as sensacións dunha persoa cega ao degustar os alimentos que se serven nunha mesa e aprender a desenvolver outros sentidos máis aló da vista, como o olfacto e o gusto. Tras a comida, os participantes analizaron e compartiron as súas experiencias.
Previamente, realizouse unha presentación multisensorial do mundo da camelia, a través do alumnado do CIFP Carlos Oroza do Ciclo de Guía, información e asistencias turísticas.