Pontevedra conmemora este mes o 25 aniversario da Semana da Familia, unha cita xa consolidada no calendario social e pastoral da cidade, organizada polas parroquias do Arciprestazgo do Lérez.
Durante un cuarto de século, esta iniciativa acompañou ás familias católicas pontevedresas con propostas de reflexión, convivencia e celebración en torno ao papel esencial que a familia desempeña na vida persoal e na sociedade.
A programación dará comezo o martes 20 de xaneiro coa Eucaristía de renovación do voto da cidade ao seu patrón, San Sebastián. A celebración terá lugar ás 19.30 horas na parroquia Virxe do Camiño e estará presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández.
As conferencias ocuparán un lugar central nesta edición especial. O xoves 22 de xaneiro, ás 20.00 horas, o Centro (J.H.) Newman —situado na planta baixa da parroquia Virxe do Camiño— acollerá o relatorio de Cris Cons, titulada "O amor como base da saúde mental", na que se abordará a importancia dos vínculos familiares desde unha perspectiva emocional e psicolóxica.
Un día despois, o venres 23 de xaneiro e no mesmo espazo e horario, será a quenda de Xosé Manuel Domínguez, que ofrecerá a conferencia "Seis regras para afrontar conflitos en familia". A partir da súa experiencia e coñecemento das relacións familiares, proporá claves prácticas para xestionar as dificultades cotiás de maneira construtiva e positiva.
A programación complétase cunha proposta cultural pensada para todos os públicos. O xoves 29 de xaneiro, ás 19.00 horas, o Teatro Principal acollerá un espectáculo da agrupación Kerigma que combina música, teatro, humor e narración, cun enfoque dinámico e participativo que busca conectar con persoas de todas as idades.
O broche final a esta 25ª edición chegará o sábado 31 de xaneiro cunha xornada de convivencia no Colexio Sagrado Corazón de Pontevedra, entre as 14.00 e as 19.00 horas. O encontro incluirá unha comida compartida, merenda, xogos tradicionais, obradoiros, momentos de oración e a actuación de "O circo", tamén a cargo do grupo Kerygma.
Todas as actividades son de balde e están abertas ao conxunto da cidadanía.