Confiscan dúas armas de fogo a un cambadés nun control de tráfico

O Salnés
23 de outubro 2023

Trátase dun individuo de 25 anos ao que tamén se lle incautaron 5 gramos de cocaína e dou positivo por consumo de alcohol e droga

Control de alcoholemia Mónica Patxot

A Policía Local de Vilagarcía detivo este domingo nun control de tráfico a un veciño de Cambados de 35 anos de idade pola posesión de dúas armas de fogo, unha arma branca e cinco gramos de cocaína. 

Segundo a información trasladada polo Concello de Vilagarcía de Arousa, o individuo que conducía o coche tamén deu positivo no test de alcol e drogas que se lle practicou no mesmo momento. 

Xunto a el viaxaban no vehículo dúas mulleres e dous homes, que tamén foron identificados. 

Os feitos producíronse preto das 11 da mañá nun control policial establecido na rotonda do Cavadelo, na confluencia das avenidas Rivero de Aguilar e Valle-Inclán.

O detido, así como as armas e a droga incautada, foron entregados na Comisaría da Policía Nacional a efectos de ser postos ao dispor xudicial.