O Consello Asesor de Pacientes coñece a evolución das obras do Gran Montecelo

Pontevedra
11 de decembro 2024

O Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria mantivo unha nova reunión pensada para mellorar a calidade da asistencia sanitaria escoitando como perciben os pacientes os servizos

Reunión do Consello Asesor de Pacientes de Pontevedra e O Salnés Sergas

O Consello Asesor de Pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantivo este martes unha nova reunión pensada para mellorar a calidade da asistencia sanitaria escoitando como perciben os pacientes os servizos sanitarios.

A entidade, constituída no ano 2019 e composta por 26 asociacións, reuniuse no Hospital Provincial con directivos e responsables sanitarios, entre eles, o xerente da área sanitaria, José Flores Arias.

Na reunión, tiveron acceso á actualización de resultados da campaña de vacinación da gripe e do COVID e a información relativa ás novas acreditacións e certificacións de calidade da área de saúde.

Ademais, fixo seguemento a distintos aspectos organizativos da área sanitaria e coñeceu a situación actual e previsións do proxecto constructivo do Novo Hospital Montecelo, o coñecido como Gran Montecelo, que continúa a súa evolución.

Analizáronse, entre outras cuestións, as futuras opcións de mellora que abrirá o Novo Hospital Montecelo.

O Consello Asesor de Pacientes é un órgano colexiado de carácter consultivo que asesora á Xerencia sobre as actividades que teñan impacto sobre as condicións da atención, a mellora da saúde e autonomía persoal e os contidos das guías de información dirixidas aos pacientes.

Ademais, realiza propostas que potencien a información para incrementar a seguridade dos pacientes e colabora no deseño dos espazos asistenciais.