O sector galego da conserva volve á rúa para reclamar melloras salariais e laborais

O Salnés
24 de xaneiro 2026
Actualizado: 18:13

Reclamaron un convenio colectivo digno fronte ás propostas da patronal e á decisión de CCOO e UGT de descolgarse das protestas a última hora

Manifestación do sector da conserva CIG

Centos de traballadoras do sector galego das conservas de peixe e marisco volveron saír este sábado á rúa para facer visible un malestar que vén de lonxe. Fixérono en Vilagarcía de Arousa, nunha mobilización convocada pola CIG, para reclamar un convenio colectivo digno fronte ás propostas da patronal e á decisión de CCOO e UGT de descolgarse das protestas a última hora, un xesto que desde o sindicato nacionalista cualifican de "traizón".

A manifestación partiu ás 11.30 horas da Praza Ravella e percorreu durante algo máis dunha hora as principais rúas da vila ata rematar na Praza de Galicia. Ao longo do percorrido escoitáronse consignas como "Convenio digno para a conserva" e "Ao igual traballo, igual salario", nun ambiente reivindicativo pero tamén combativo, no que se puxo o foco na perda de dereitos e no estancamento salarial que sofre o sector.

No manifesto final, lido por varias traballadoras, sinalouse directamente á "intransixencia" do empresariado como unha das causas do conflito, pero tamén á actitude de CCOO e UGT, aos que acusan de boicotear anos de traballo para acadar unha clasificación profesional "clara e xusta".

A CIG defende un "sistema común, transparente e con dereitos", que poña fin ás "discrecionalidades e arbitrariedades nos centros de traballo" e garanta que ninguén cobre menos por realizar un traballo de igual valor.

Un dos puntos máis criticados foi o denominado "acta de aprazamento", que o sindicato considera en realidade un "preacordo de despacho" que non recolle as principais demandas do persoal e que consolidaría a precariedade durante seis anos, entre 2025 e 2030.

"Un convenio con esta vixencia é un regalo para a patronal e unha condena para as persoas traballadoras", advertiron, ao tempo que avanzaron que, de ser necesario, loitarán empresa por empresa por melloras como subas salariais que compensen a perda de poder adquisitivo, a redución da xornada, o recoñecemento efectivo das categorías profesionais ou que o descanso do bocadillo compute como tempo de traballo.

Outra das reivindicacións ten que ver co lugar das negociacións, que se están a desenvolver en Madrid pese a que a maioría das empresas e do persoal están en Galicia. Para a CIG, esta distancia facilita acordos favorables á patronal e prexudiciais para o sector, polo que insiste na necesidade dun convenio galego propio.

A cuestión da igualdade tamén ocupou un lugar central no discurso. Nun país que lidera a produción europea de conservas de peixe, lembraron que o persoal é maioritariamente feminino e que continúa á cola en dereitos laborais e salariais.

"Non podemos aceptar que o traballo das mulleres siga estando infravalorado", afirmaron, reclamando a equiparación salarial inmediata entre homes e mulleres para rematar coa fenda existente.

De cara aos vindeiros días, a CIG fixo un chamamento a intensificar a presión para evitar que o preacordo sexa ratificado o 2 de febreiro.

Este luns 26 está convocada unha asemblea de delegadas do sector no Auditorio de Vilagarcía ás 10.30 horas, seguida dunha concentración na Praza da República ao mediodía.

Ademais, o sindicato anunciou dúas xornadas de folga na conserva para os días 27 e 28, nun contexto de conflito que, polo de agora, está lonxe de pecharse.

Manifestación do sector da conserva    CIG