Consideran unha "mofa" a oferta de vivendas gratis para médicos en Sanxenxo

Sanxenxo
26 de maio 2022

Para a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, a iniciativa de ofrecer vivendas gratis para atraer a médicos que traballen no verán é unha "mofa" e é "totalmente discriminatorio" para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde. Consideran que é un "claro intento populista" de ocultar os problemas de fondo que arrastra a sanidade pública 

Unha concentración protesta diante do centro de saúde de Baltar
Unha concentración protesta diante do centro de saúde de Baltar / Plataforma Pola Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo

Para a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo, a iniciativa de ofrecer vivendas gratis para atraer a médicos que traballen no verán é unha "mofa" e é "totalmente discriminatorio" para o persoal que traballa todo o ano nos centros de saúde do municipio.

Consideran que é un "claro intento populista" de ocultar os problemas de fondo que arrastra a sanidade pública en toda Galicia e aseguran que "facernos crer" que o problema é a falta de vivenda e non a precariedade do persoal ou a mala xestión "é unha falta de respecto".

Desde a plataforma apuntan que os problemas de persoal nos centros de saúde non están presentes tan só no verán senón que persisten durante todo o ano, debido a que as ausencias do persoal por baixas ou vacacións non son cubertas.

Durante estes últimos once anos, denuncia este colectivo, as autoridades sanitarias foron "desmantelando" a atención primaria ao non planificar nin contemplar as xubilacións do persoal ou ofrecer contratos a interinos por horas, días, semanas "e con sorte, meses".

Despois de este "maltrato", subliñan desde a plataforma, agora o Sergas "encóntranse con que a súa xestión levou a que o persoal se marche da comunidade e non quede apenas xente para traballar nas condicións precarias que ofrecen".

"A falta de investimento público, deteriorar a atención primaria ou priorizar a atención hospitalaria a expensas da primaria trae estas consecuencias", sentencian.

O colectivo reitera que o arranxo da "penosa situación" da sanidade pública galega pasa por investir en atención primaria, dimensionando adecuadamente os centros de saúde e dotándoos de todo tipo de persoal cunhas condicións axeitadas.