O Concello de Sanxenxo recibiu dúas ofertas para executar a futura senda que conectará Punta Vicaño con Rafael Picó.
Trátase das empresas Castro Figueiro e Oreco, que optan a unha actuación valorada en 1.799.995 euros, financiada ao 50% pola Deputación de Pontevedra e o propio Concello.
As obras, que comezarán no mes de setembro, contemplan unha intervención integral ao longo de 1.622 metros divididos en tres tramos diferenciados.
O obxectivo do proxecto é humanizar, embelecer e mellorar a accesibilidade do tramo máis transitado do carreiro azul, que vai desde a punta do espigón do porto deportivo de Sanxenxo até a praia de Caneliñas de Portonovo.
O primeiro dos tramos, de 374 metros, irá polo bordo do mar, entre o paseo de Silgar e o miradoiro do parque de Punta Vicaño.
Ao atravesar unha zona de rocas, se instalará unha plataforma de composite sobre micropilotes, con varandas de aceiro, balizas e proxectores de luz.
O segundo tramo, de 614 metros, conectará o miradoiro de Punta Vicaño co acceso á praia de Baltar.
Neste punto realizaranse traballos de reparación da senda existente, así como a creación de novos tramos do viario e acceso á praia de Baltar.
A terceira fase centrarase neste último punto, onde se substituirá por completo a pasarela actual de 634 metros.
Esta nova estrutura estará elevada para facilitar o crecemento da duna e evitar que impida a súa expansión, tal e como ocorre actualmente.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.