Unha profesional médica foi contratada polo Sergas para dar continuidade ao servizo de Pediatría no Concello da Lama desde este venres 2 de novembro. A atención realizarase a partir das 12.15 horas, os mércores e os venres.
Esta medida, que tiña preocupado ao goberno local da Lama, foi comunicada polo xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Gómez e polo director de Procesos de Soporte á Atención Primaria, José Andrés Seco, ao alcalde Jorge Canda durante unha visita que tiña lugar este mércores ao Concello.
Alí garantiron a continuidade do servizo de pediatría no municipio e tamén confirmaron o incremento de horas desta atención en Ponte Caldelas coa presenza da nova pediatra que prestará as súas funcións no centro de saúde deste municipio de luns a venres.
Jorge Canda, que inicialmente solicitara ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, un día máis de atención aos menores no seu concello, sinalaba que é un bo comezo que se manteña este servizo durante dous días á semana e mostrouse comprensivo coa solución adoptada desde o Sergas derivada dos inconvenientes na reorganización da atención pediátrica en toda Galicia, que neste caso exime ao pediatra de visitar Carballedo e Tenorio.
O rexedor pediu aos responsables sanitarios que realicen un seguimento para comprobar se se cobre adecuadamente a demanda de atención sanitaria para os menores do municipio.