Continúa o servizo de pediatría na Lama e aumentan as horas de atención en Ponte Caldelas

A Lama
31 de outubro 2018

O xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra José Ramón Gómez e o director de Procesos de Soporte á Atención Primaria José Andrés Seco confirmaron ao alcalde da Lama Jorge Canda estas medidas para garantir a atención aos menores 

Responsables de sanidade co alcalde da Lama, Jorge Canda Concello da Lama

Unha profesional médica foi contratada polo Sergas para dar continuidade ao servizo de Pediatría no Concello da Lama desde este venres 2 de novembro. A atención realizarase a partir das 12.15 horas, os mércores e os venres.

Esta medida, que tiña preocupado ao goberno local da Lama, foi comunicada polo xerente do Complexo Hospitalario de Pontevedra, José Ramón Gómez e polo director de Procesos de Soporte á Atención Primaria, José Andrés Seco, ao alcalde Jorge Canda durante unha visita que tiña lugar este mércores ao Concello.

Alí garantiron a continuidade do servizo de pediatría no municipio e tamén confirmaron o incremento de horas desta atención en Ponte Caldelas coa presenza da nova pediatra que prestará as súas funcións no centro de saúde deste municipio de luns a venres.

Jorge Canda, que inicialmente solicitara ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, un día máis de atención aos menores no seu concello, sinalaba que é un bo comezo que se manteña este servizo durante dous días á semana e mostrouse comprensivo coa solución adoptada desde o Sergas derivada dos inconvenientes na reorganización da atención pediátrica en toda Galicia, que neste caso exime ao pediatra de visitar Carballedo e Tenorio.

O rexedor pediu aos responsables sanitarios que realicen un seguimento para comprobar se se cobre adecuadamente a demanda de atención sanitaria para os menores do municipio.