Contradicións no PSOE ante o manifesto de Louzán para manter o mapa xudicial na provincia

Pontevedra
21 de xullo 2014

O presidente da Deputación mantivo unha reunión cos alcaldes dos concellos afectados pola reforma xudicial e trasladará un manifesto ao Ministerio de Xustiza no que se reclama que se paralice a tramitación da lei. Afirmou que o PSOE apoiaba esta proposta e así admitiuno o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, pero o secretario provincial dos socialistas, Santos Héctor, distánciase alegando que "solo es un lavado de cara" de Louzán

Rafael Louzán leu o manifesto acompañado polo alcalde de Lalín e o alcalde de Caldas Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, trasladará un manifesto ao ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, no que se reclama que manteña o actual mapa xudicial. O manifesto xorde da reunión con once alcaldes de concellos con partidos xudiciais e o alcalde de Pontevedra, que non acudiu escusándose porque tiña que asistir ao pleno municipal. Neste manifesto exponse a situación particular da provincia de Pontevedra pola súa configuración da poboación e denúncianse os graves prexuízos que causaría o proxecto de Reforma de Planta Xudicial supoñería, se modificase o mapa de partidos xudiciais que exercen un efecto vertebrador da actividade xudicial.

No manifesto que leu o presidente provincial, acompañado polo alcalde socialista de Caldas, Juan Manuel Rey, e polo de Lalín, Xosé Crespo, faise referencia a que o cambio supoñería un afastamento da Xustiza ao cidadán e as consecuencias socioeconómicas que a desaparición destes xulgados levaría consigo en todos os sectores das bisbarras.

Ante esta situación, reclámase ao Goberno central que paralice a tramitación da lei e demándase un estudo pormenorizado do mapa xudicial, que teña en conta a opinión dos distintos concellos afectados e das institucións e entidades para elaborar unha Lei acorde coa realidade da provincia.

Segundo os datos ofrecidos polo presidente da Deputación, en 2013 tratáronse 170.000 casos en 63 xulgados dos 13 partidos xudiciais da provincia.

Ao preguntarlle pola posibilidade de trasladar as protestas á rúa en caso de que o ministro de Xustiza non teña en conta esta petición, Rafael Louzán indicou que este manifesto é un primeiro paso e a fórmula que entende que hai que utilizar neste tema. En todo caso, engadiu que en setembro se decidirá que actuacións se desenvolven en caso de que non se obteña unha resposta positiva. Louzán afirmou que "quere ter confianza" e "non nos plantexamos outro escenario" que o mantemento do mapa xudicial xa que o propio presidente do Goberno, Mariano Rajoy, coñece a situación da provincia. Engadiu que "aquí non hai colores políticos, aquí hai unha unidade de acción e, polo tanto, en defensa dunha cuestión común".

CONTRADICIÿNS NO PSOE

Rafael Louzán durante esta comparecencia destacou a unión de todos os alcaldes e sinalou que Abel Caballero, alcalde de Vigo, se escusara porque tiña que realizar unha viaxe a Madrid pero que apoiaba este manifesto. Non obstante, o secretario provincial do PSOE e concelleiro de Vigo, Santos Héctor, desmarcábase deste acto do presidente da Deputación indicando que é unha artimaña de Louzán coa pretensión de facerse "un lavado de cara" e recalcou que, durante un ano, non fixera nada por manter o mapa xudicial, a diferenza do traballo desenvolvido polo alcalde de Vigo.

Non obstante, o alcalde socialista de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, durante a rolda de prensa ofrecida con Rafael Louzán, gabou que xurdise este manifesto conxunto co que todos os alcaldes se encontraban de acordo.