Con motivo da Festa do Mar e do Armadiña Rock en Combarro esta fin de semana, a Policía Local de Poio realizará un dispostivo especial de seguridade para que se cumpran as medidas sanitarias vixentes pola pandemia e especialmente durante o desenvolvemento dos espectáculos musicais que se previron para evitar aglomeracións.
Un dispositivo que contará coa colaboración de Protección Civil de Poio. O operativo tamén se aplicará á vixilancia da circulación. Así se establecerá un plan de tráfico que inclúe habilitar unha zona de parada de taxis na rúa Baixada da Chousa e outra zona para persoas con discapacidade funcional.
Advírtese do control exhaustivo que se fará para evitar que se realicen botellóns. Lémbrase que quen acuda aos concertos, ademais de ocupar a súa correspondente cadeira, deben levar a máscara posta, non se permitirá o consumo de bebida ou comida tanto na zona de asentos como no resto do recinto.
Outro dos aspectos que se vixiará son os aforos, horarios de peche e ruídos nos establecementos de hostalería e tamén se realizarán controis de consumo de alcol e drogas a condutores. Este dispositivo especial comeza ás 20.00 horas deste venres 20 e concluirá o domingo.