A CIG ten convocada folga no servizo de limpeza do hospital do Salnés ante a "falta de actuacións da Consellaría de Sanidade" para rematar coa "discriminación laboral e salarial que sofre este persoal" e avanzar na equiparación coas condicións que xa teñen recoñecidas os traballadores dos hospitais de referencia.
O plantel quere que se cumpra o principio de "a igual traballo igual salario" e solicitou unha reunión con Sanidade no mes de xuño para falar desta cuestión.
Pero, transcorrido o tempo, afirman que o Sergas segue sen atender as demandas do persoal "nin puxo en marcha medidas para corrixir esta discriminación e impedir que as empresas concesionarias do servizo perpetúen a precariedade".
Neste contexto, a CIG ten convocadas diversas xornadas de folga para reclamar que se homologuen as condicións laborais e salariais do persoal do hospital de Vilagarcía ás que xa ten o persoal da limpeza do complexo hospitalario de Pontevedra, que gozan dun estatus laboral equiparado ao persoal do Sergas.
As folga desenvolverase os días 11, 12, 18, 19, 25 e 26 de novembro en horario de 09:00 a 11:00 horas e de 15:00 a 17:00 horas.
En decembro os paros serán os días 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30 no mesmo horario e a partir do 7 de xaneiro, se non hai avances, a folga pasará a ter carácter indefinido e a xornada completa.
As traballadoras esixen equiparación salarial, redución da xornada e melloras en materia de permisos e licencias. No hospital do Salnés traballan neste servizo preto de 50 persoas.
A CIG alerta sobre o impacto social, xa que a precarización afecta a un colectivo maioritariamente feminino -representan o 95%- "reforzando as desigualdades de xénero no mercado laboral galego".