Convocan 49 prazas de oferta pública de emprego no Concello, 30 de quenda libre

Pontevedra
26 de decembro 2023
Actualizado: 13:38

Dentro desta oferta, 22 das 49 prazas convocadas correspóndense coa Policía Local, xa que nos últimos anos quedaron moitas vacantes por xubilacións. Son unha praza de intendente principal, unha de inspector principal, outra de inspector, oito de oficiais e 11 de policías

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra
Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra / Mónica Patxot

O goberno local de Pontevedra aprobou este martes 26 de decembro, nunha reunión extraordinaria, a nova oferta de emprego público municipal, que supón a convocatoria de 49 novas prazas, 30 de quenda libre e 19 de promoción interna

Dentro das prazas de quenda libre inclúense tres reservadas para persoas con discapacidade -dúas con discapacidade xeral e unha intelectual- e nas de promoción interna figuran dúas de mobilidade pensadas para a Policía Local. 

Estas 49 prazas supoñen aproximadamente o 10% do actual persoal municipal, 493 persoas, segundo os datos facilitados polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. 

Fernández Lores compareceu este martes para informar sobre esta reunión extraordinaria da Xunta de Goberno, celebrada ás nove da mañá coa presenza de todos os membros do goberno. 

Esta oferta de emprego público pasou previamente pola mesa de negociación dos empregados públicos, na que se realizaron achegas e, segundo Lores, "recolléronse na súa totalidade". A pesar de todo, os representantes sindicais votaron todos en contra agás unha abstención

Nesta nova oferta, o Concello decidiu, "coa finalidade de reducir ao máximo a taxa de temporalidade", que as prazas que non se cubran en promoción interna e nas reservadas para persoas con discapacidade pasen a cubrirse con aquelas persoas que se presenten pola quenda libre, sempre dentro da mesma categoría. 

Dentro desta oferta, 22 das 49 prazas convocadas correspóndense coa Policía Local, xa que nos últimos anos quedaron moitas vacantes por xubilacións. Son unha praza de intendente principal, unha de inspector principal, outra de inspector, oito de oficiais e 11 de policías. 

O intendente principal é o xefe do corpo e na actualidade non hai ningún con esta categoría, pois cando Daniel Macenlle deixou o cargo para converterse en director xeral de Protección Cidadá, pasou a asumir o cargo Ángel Ruibal e logo o inspector José Manuel Duarte.

Agora, volve ocupar o cargo de responsable policial o intendente Xosé Manuel González Abal, que o deixara para ser director xeral de Recursos Humanos. A súa categoría profesional é de intendente, de modo que se abre esa praza de intendente principal, á que poderá acceder por promoción interna.

A listaxe completa de prazas inclúe, na escala de administración xeral, tres técnicos medios, dous administrativos, cinco auxiliares e catro subalternos. 

Na escala de administración especial, convócanse, tres prazas de bombeiro condutor, unha praza de técnico superior en enxeñería informática, unha de aparellador, unha de asistente social, unha de enxeñeiro técnico industrial, unha de sepultureiro, unha de oficial de obras, unha de encargado de instalacións, tres de operarios e as citadas da Policía Local.