Convocan ao profesorado a unha marcha fúnebre polas rúas de Pontevedra

Pontevedra
12 de decembro 2025

Os sindicatos CIG-Ensino e STEG convocan folgas e protestas simbólicas "ante a negativa da Consellería de Educación a negociar melloras laborais e educativas".

Aula baleira nun colexio de Pontevedra | ARQUIVO Mónica Patxot

A CIG-Ensino e STEG convocaron ao profesorado galego a secundar dúas novas xornadas de folga a próxima semana, despois de que a Consellería de Educación rexeitase reunirse coas organizacións sindicais convocantes.

A protesta busca presionar por melloras laborais e nas condicións de ensino.

Este martes, representantes da Xunta de Galicia reuníronse cos sindicatos CCOO, ANPE, UXT-SP Ensino e CSIF para tratar as principais demandas do profesorado galego, entre as que destacan a baixada de ratios, a mellora da atención á diversidade e a posibilidade de adiantar a redución de horario en Secundaria. Ademais, a Xunta puxo en marcha un piloto para a aplicación de chamamento de interinos, que se espera implantar de maneira definitiva no primeiro trimestre do próximo ano.

O sindicato CIG-Ensino critica que a Consellería poida aprobar medidas laborais "sen negociar cos representantes maioritarios do profesorado" e que asine acordos con "organizacións minoritarias para dar aparencia democrática ás súas decisións".

Segundo Laura Arroxo, secretaria nacional de CIG-Ensino, esta actitude demostra "desprezo cara aos miles de docentes que se mobilizaron este curso e perderon salario en defensa da educación pública".

A CIG-Ensino instou o profesorado a manter as súas reivindicacións en distintas áreas, incluíndo a redución de ratios en todas as etapas educativas, a recuperación do horario lectivo previo aos recortes, a dotación de máis persoal para atender á diversidade, a eliminación de burocracia innecesaria, a mellora da retribución salarial, o fortalecemento das condicións laborais do persoal interino e substituto, e a implantación de dereitos xa existentes noutras comunidades, como a redución de xornada para docentes maiores de 55 anos.

Como parte das accións de protesta, o martes 16 celebraranse "marchas fúnebres" en diversas localidades galegas, con saída desde centros educativos e simboloxía mortuoria para denunciar a situación do sistema público.

En Pontevedra esta "marcha fúnebre" sairá do CEIP A Xunqueira ás 10 horas con percorrido por diversos centros até chegar ao IES Frei Martín Sarmiento.

Ao día seguinte, mércores 17, realizarase en Santiago de Compostela un "enterro simbólico" da educación pública, con saída desde o Parlamento de Galicia e percorrido até a Consellería de Educación, coincidindo coa aprobación dos orzamentos autonómicos.

A CIG-Ensino solicitou tamén o apoio da Confederación de Anpas Galegas, destacando que as demandas do profesorado coinciden cos intereses das familias e do alumnado.

O sindicato advirte que, se non hai cambios antes destas datas, manterá as mobilizacións até lograr "avances reais" na mellora das condicións laborais e educativas.