A rehabilitación da antiga Casa Reitoral de Santa Cristina de Cobres, en Vilaboa, realizarase a través dun concurso de ideas para profesionais da arquitectura co que se buscará recuperar o esplendor deste edificio do século XVII catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
A Xunta Reitora da Comunidade de Montes de Santa Cristina de Cobres decidiu abrir o concurso e establecer que á hora de elaborar a idea se debe ter en conta o uso ao que vai destinado. Pasará a ser un viveiro de empresas, unha das posibilidades que xa se lle expuxera á asamblea xeral cando esta apoiou a súa compra ao Arcebispado de Santiago de Compostela.
Os profesionais interesados no concurso deberán presentar un sucinto borrador da idea, os materiais a empregar -que deberán ser acorde ao tipo e catalogación do inmoble- e o orzamento da rehabilitación. Valorarase a orixinalidade, o emprego de madeira propia dos montes da zona e o custe da rehabilitación.
As persoas que queiran participar deberán poñerse en contacto coa comunidade de montes a través da súa web (montesdesantacristina.org) para calqueira información adicional. A licitación da redacción do proxecto de rehabilitación ten un orzamento de 5.000 euros máis IVE.
A directiva dos comuneiros de Cobres lembra que a orixe do edificio era a de residencia de verán do cura da parroquia. Ten unha superficie total construída de 330 metros cadrados repartidos en dous andares, con grosos muros de granito, unha escaleira a recuperar e unha lareira no segundo andar asentada sobre un solo de lousas graníticas.