Convocan unha mobilización antitouradas coincidindo coa celebración da Feira da Peregrina

Pontevedra
19 de xullo 2016

O colectivo animalista "Touradas fóra de Pontevedra" presentou este martes, nunha rolda de prensa celebrada diante da Praza de Touros de San Roque, a mobilización antitaurina que partirá da Praza da Peregrina o próximo 13 de agosto ás 20:00 horas

Rolda de prensa de Touradas fora de Pontevedra
Rolda de prensa de Touradas fora de Pontevedra

O colectivo animalista "Touradas fóra de Pontevedra" presentou este martes, nunha rolda de prensa celebrada diante da praza de touros de San Roque, a mobilización antitaurina que partirá da Praza da Peregrina o próximo 13 de agosto ás 20:00 horas.

Neste 2016 o colectivo centrará as reivindicacións da manifestación en solicitar á Xunta de Galicia para que suprima a excepción das corridas de touros na Lei de Protección Animal "xa que ampara unha práctica cruel e vergoñosa", explicaron os portavoces.

Neste sentido, coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas, tamén demandarán o compromiso das candidaturas para presidir a Xunta.

Ademais a mobilización antitaurina esixirá ao Concello de Pontevedra a supresión do contrato de aluguer da praza de touros polo cal entregará este ano 38.000 euros e que entenden que "servirán indirectamente para o financiamento da feira taurina de agosto".

Desde "Touradas fóra de Pontevedra" valoran positivamente que a institución municipal rebaixase 4.000 euros respecto de anos anteriores, "síntoma de que recoñecen os nosos argumentos", afirman. 

Con todo, os animalistas insisten que "nun momento histórico no que o lobby taurino está acurralado, necesitamos máis pasos valentes", dixeron.

A mobilización coincidirá coa Feira da Peregrina que este ano reúne a figuras como Morante, Juli ou Manzanares e a valores emerxentes como Roca Rey e López Simón e ademais de matadores con gran tirón popular como O Fandi e Cayetano Rivera.