A pesar do mal tempo, ata corenta familias participaron na primeira xornada dos Xogos Efecto PO2, un programa municipal que converteu cinco barrios de cidade nunha especie de olimpíadas dos xogos tradicionais galegos.
Os espazos de xogo habilitados en Campolongo, O Gorgullón, Doce de Novembro (Pontevedra-Leste), O Burgo e Monte Porreiro acolleron a 61 nenos e nenas menores de doce anos.
No horario estipulado, entre as 11:00 e as 13:00 horas, os equipos formados por nenos e maiores competiron amosando a súa habilidade ao redor de xogos tradicionais e colaborativos como o peletre, o tres en raia, a corda, o pano ou a colleita de mazarocas.
Os gañadores en Monte Porreiro foron Alexandre Pichel Blanco (11 anos) e Inés Blanco; en O Burgo, Alba Pérez Costas (7 anos), Bruno Pérez Costas (3 anos), Gabino Pérez Romero e Vanesa Costas; e en Campolongo, Daniella Otero Asorey (7 anos), Iago Otero Asorey (3 anos), Iria Asorey Veiga e César Otero Rodríguez.
No Gorgullón, pola súa banda, impuxéronse Eloy Barreiro Loira (10 anos), Adrián Cabaleiro Couso (9 anos) e Carles Castillo Sardá; e no campo de Pontevedra-Leste, Bianca Ingrassia Sinopoli (5 anos), Melina Ileana Sinopoli Buceta e Hernán Maximiliano Ingrassia Farache.
Iso si, para coñecer aos gañadores definitivos haberá que esperar. A situación meteorolóxica adversa que se agarda para este domingo obrigou a adiar a gran final dos Xogos Efecto PO2, que tiña que enfrontar aos vencedores de cada barrio na Praza de España.
O Concello comunicará en vindeiros días a nova data para esta competición final.