Cortes de tráfico a partir do luns 31 para completar o primeiro tramo da reforma de Loureiro Crespo

Pontevedra
29 de agosto 2020

 Entre o luns e o mércores cortarase o tráfico no treito de Loureiro Crespo que vai entre Casimiro Gómez e Doce de Novembro e tamén na Travesía de Eiriña. Nesta última rúa vai permitirse a entrada e a saída a garaxes desde a rúa Joaquín Costa

Travesía da Eiriña Mónica Patxot

A partir deste luns 31 de agosto comezarán os traballos para repoñer e conectar os servizos soterrados na marxe esquerda de Loureiro Crespo, en dirección saída da cidade, no tramo que chega ata a rúa Doce de Novembro. Segundo informa o Concello de Pontevedra, na marxe dereita xa finalizaron os traballos.

Estas obras de reforma comezaran no lado dereito deste tramo coa demolición do pavimento e a instalación dos novos servizos, o que obrigara tamén ao traslado da parada de taxis para Cobián Areal. Na actualidade, na marxe dereita atópase instalado o novo pavimento na beirarrúa que conta cun novo longo e zonas novas de aparcamento.

CORTES DE TRÁFICO

O inicio destes traballos provoca que, entre este luns 31 e o mércores 2 de setembro, se corte o tráfico no tramo de Loureiro Crespo que enlaza Casimiro Gómez e Doce de Novembro, ademais os cortes tamén afectan á rúa Travesía de Eiriña. 

En Travesía de Eiriña permitirase a entrada e a saída a garaxes desde a rúa Joaquín Costa. Estes cortes de circulación de tráfico van ampliarse en caso de que a empresa que exectua as obras o considere necesario.

As obras de reforma de Loureiro Crespo e do barrio do Castañal comezaron a finais de abril. Trátase dunha obra que conta cun orzamento de 3 millóns de euros cun prazo de execución de 11 meses.

A intención do goberno local é ampliar o formato de "modelo de cidade" a esta zona afectando tanto a Loureiro Crespo como ás rúas Ernesto Caballero, Forcarei, Amor Ruibal, Mestre Soutullo, Ramón Cabanillas e a praza das  Regas. A obra supón a renovación da pavimentación e a ampliación de beirarrúas, ademais da mellora de todos os servizos, nova iluminación e mobiliario urbano, coa plantación de novas árbores en varios tramos.