Cotobade solicitará que se segregue a reforma da N-541 en Viascón

Cerdedo Cotobade
22 de xaneiro 2016

O goberno local estivo a manter reunións con veciños afectados e trasladou a Fomento a desconformidade co deseño previsto para o tramo correspondente a Viascón

N-541 ao seu paso por Cotobade Google

O PP de Cotobade vai levar ao próximo pleno municipal unha proposta para que se segregue o proxecto de mellora e remodelación da estrada N-541 ao seu paso por Viascón, competencia do Ministerio de Fomento. A iniciativa trasladarase á sesión plenaria despois dunha serie de xestións realizadas desde o ano pasado polo goberno local. 

Tanto o alcalde Jorge Cubela como a concelleira María Pichel mantiveron reunións con veciños afectados polo proxecto, con representantes comunais e con técnicos de Fomento. Neste último caso informóuselles da oposición existente a que se acometa a actuación tal e como está proposta, dado que estiman que non soluciona as necesidades requiridas.

A proposta que o goberno local levará a pleno é que se segregue a parte do proxecto que corresponde ao termo municipal de Cotobade, concretamente a Viascón, "e non se faga a obra". Unha decisión á que se chegou dado que os técnicos non ven factible modificar o proxecto e permitir os cambios de sentido que se lles expuxeron. Por iso reclamarase tamén que se deixe sen efecto a ocupación de terreos e a expropiación dos mesmos. 

O alcalde cotobadés lembra que “este proxecto data do ano 2007 cando gobernaba ou Partido Socialista e ou BNG, polo que este goberno nin solicitou nin promoveu que dentro deste proxecto se acometera esta actuación non noso termo municipal”.