Covsa-EC Casas desdobrarán a avenida de Vigo por 4,1 millóns de euros

Pontevedra
23 de xullo 2014

A mesa de contratación seleccionou como adxudicataria das obras de desdobramento da Avenida de Vigo á Unión Temporal de Empresas constituída polas construtoras locais Covsa e EC Casas, que farán a obra por 4,1 millóns de euros, asumindo unhas melloras por 1,1 millóns

O novo vial partirá da rotonda do Nú do Pino ata a Estación de Autobuses

A mesa de contratación seleccionou por unanimidade como adxudicataria das obras de desdobramento da Avenida de Vigo á Unión Temporal de Empresas constituída polas construtoras locais Covsa e EC Casas, que farán a obra por 4,1 millóns de euros, asumindo unhas melloras por 1,1 millóns.

Segundo explicou o voceiro do goberno municipal, Raimundo González, a mesa de contratación descartou a proposta de Ferrovial, que obtivera inicialmente a maior puntuación. O motivo foi que a empresa non xustificou as melloras que ofertaba polo que os técnicos entenderon que o seu proxecto é "inexecutable" ao estar "desproporcionada" a proposta e incorrer en baixa temeraria.

As empresas Covsa e EC Casas comprométense a executar como melloras a urbanización do primeiro tramo da avenida de Vigo ata a rúa Luis Seoane, a construción dun carril no Nó do Pino, pasos de peóns sobreelevados, acondicionamento da avenida da Estación, a conexión de pluviais, a senda do río Gafos e un camiño peonil entre a avenida da Estación e a Avenida de Vigo. En total son seis das sete melloras formuladas.

A xunta de goberno do próximo luns ratificará esta adxudicación que será provisional ata que a UTE presente toda a documentación destes proxectos.

Raimundo González apunta que as obras poderían arrancar no mes de setembro, porque "os tempos apremian porque hai que xustificar unha importante cantidade económica" ante o Ministerio de Fomento.