Crean un centro de estancia para persoas maiores en Campo Lameiro

Umia
09 de novembro 2020

Este novo edificio, no que se investiron preto de medio millón de euros, do Plan Reequilibrio da Deputación de Pontevedra foi visitado este luns polo deputado de Cooperación, Santos Héctor, quen destacou que este inmoble "é un lugar de vida para un concello do rural que, como tantos outros, padece os efectos do avellentamento da poboación"

Ana Laura Iglesias, Carlos Costa e Santos Héctor en Campo Lameiro Deputación Provincial de Pontevedra

O novo centro de estancia para persoas maiores de Campo Lameiro xa se atopa en funcionamento. O edificio era visitado este luns polo deputado de Cooperación Santos Héctor despois de que a Deputación de Pontevedra investise nesta obra 462.716 euros dentro do Plan de Reequilibrio da institución provincial.

Carlos Costa, alcalde de Campo Lameiro, e a deputada Ana Laura Iglesias acudiron tamén a esta visita ao inmoble que ofrece unha soa altura con forma de gran caixa de formigón, conta con amplas ventás para a entrada de luz e establecer un contacto das persoas que se atopan nos distintos espazos co exterior. Entre os materiais da obra destaca a madeira e o deseño favorece a súa integración na paisaxe.

Atópase preto da igrexa de San Miguel, do cruceiro e das escaleiras do cemiterio.

O edificio conta cunha superficie de 387 metros cadrados divididos en áreas de fisioterapia e rehabilitación; ximnasio; sala de usos múltiples; recepción e administración. Na parte externa dispón dun soportal e de dous accesos.

Neste sentido, Santos Héctor destacou a accesibilidade de todo o inmoble con ramplas e sen escaleiras interiores para facilitar o desprazamento das persoas usuarias. O deputado de Cooperación subliñaba que este é un lugar de vida para un concello do rural pontevedrés que, como tantos outros, padece os efectos do envellecemento da poboación. 

Tanto o representante provincial como o alcalde da localidade, de diferentes cores políticas, mostraron a súa disposición para seguir colaborando para levar a cabo proxectos que resulten beneficiosos para a cidadanía. A Deputación investiu case 3,6 millóns de euros desde o ano 2015 en 21 obras para este municipio, coa depuración e saneamento como principal actuación.