Crean unha nova horta urbana nunha parcela municipal na rúa Ernesto Caballero

Pontevedra
19 de marzo 2021

Ata dezaseis bancais de madeira, duns catorce metros cadrados cada un, terá a nova horta urbana que se vai a habilitar nunha parcela de titularidade municipal situada na rúa Ernesto Caballero. Neste proxecto investiranse algo máis de 30.000 euros

Parcela en Ernesto Caballero Concello de Pontevedra

Ata dezaseis bancais de madeira, duns catorce metros cadrados cada un, terá a nova horta urbana que se vai a habilitar nunha parcela de titularidade municipal situada na rúa Ernesto Caballero. Neste proxecto investiranse algo máis de 30.000 euros.

A empresa Feito Pontevedra xa comezou cos traballos para arrombar a parcela, que está entre a rúa Ernesto Caballero e as vías do ferrocarril (ao seu paso por José Malvar).

O proxecto contempla a colocación dun peche perimetral duns dous metros de altura e dun portón de entrada que estará pechado con chave, polo que só terán acceso os usuarios da horta. Tamén se instalará unha billa e un sistema automatizado de rego por goteo.

O edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, explica que a finca carece de auga polo que esta intervención incluirá unha nova acometida que executará a compañía Viaqua.

Ademais de achegarse material para acadar un solo o máis plano posible, adecuaranse as zonas comúns e de paso mediante unha achega de zahorra e a compactación do pavimento.

O Concello subministrará ferramentas de uso agrícola para o emprego comunitario dos usuarios e colocará unha caseta para gardar o material de traballo e un cartel coas normas de utilización dos verxeis. Tamén haberá un composteiro para o tratamento dos residuos agrícolas.

As obras prolongaranse durante un prazo aproximado de dous meses e a concesión dos verxeis farase por orde da lista da agarda existente, segundo destaca o goberno municipal.

Esta nova horta ecolóxica urbana sumarase ás xa existentes actualmente en Monte Porreiro e na finca de Conde Bugallal, dotadas con case sesenta bancais en total.