Crean unha plataforma para axudar aos 'coronavirus makers' en Pontevedra

Pontevedra
28 de marzo 2020

Coa intención de axudar a estes emprendedores, a Deputación puxo en marcha 'Covid Makers Smartpeme'. Trátase dunha plataforma de apoio a todas as persoas que nas últimas semanas están enforzándose na impresión de material necesario para combater o COVID-19

Viseras sanitarias que se están facendo altruistamente desde Pontevedra
Viseras sanitarias que se están facendo altruistamente desde Pontevedra / PontevedraViva

A Deputación de Pontevedra súmase á comunidade 'maker', persoas que desde o emprendemento están a crear solucións de emerxencia ante a crise sanitaria.

Por mor da situación que se está vivindo e ante a necesidade de conseguir máis equipos de protección para o persoal de servizos esenciais, están a xurdir multitude de iniciativas para prestar apoio na fabricación de máscaras, respiradores, e todo o material necesario que se poida realizar mediante a impresión 3D.

Esta comunidade de 'Coronavirus Makers' conta cun total de 10.000 persoas a nivel nacional e máis de 1.300 galegas, é sen ánimo de lucro e está centrada na impresión do devandito material de protección.

É por iso, que coa intención de axudar a estes emprendedores, a Deputación puxo en marcha 'Covid Makers Smartpeme'. Trátase dunha plataforma de apoio a todas as persoas que nas últimas semanas están enforzándose na impresión de material necesario para combater o COVID-19 e que consiste na difusión dos diferentes proxectos que están en marcha e na prestación de asesoramento para a realización do devandito material.

Con esta plataforma telemática, 'Smartpeme' xa está a difundir ligazóns a diferentes iniciativas como empresas privadas que promocionan material, modelos e recollida das pezas fabricadas, plataformas 'open source' con modelos para impresión e comunidades 'makers' galegas con iniciativas en marcha.

Así mesmo, tamén publica o material creado a través das redes sociais para xerar doazón de máis material, subministración do material fabricado e noticias relacionadas, e así chegar ao máximo número de persoas interesadas en sumarse a esta inciativa.

Doutra banda, o asesor do Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), situado no viveiro de empresas do polígono de Barro, está ao dispor de todos os 'makers' da provincia para calquera consulta relacionada coa fabricación de equipos de protección sanitarios.

Tamén, todo o que o desexe, pode poñerse en contacto a través do correo electrónico[email protected], ou o teléfono 886 202 020.