Creatividade e cultura nas cidades centran o debate da segunda xornada de 'Urbtopías'

Pontevedra
20 de abril 2023

'A cidade creativa. Onde vives, importa', rezaba o título da segunda xornada do ciclo, no que participaron o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, a coordinadora da candidatura de Braga como Capital Portuguesa da Cultura, Joana Meneses, e a directora de Vinte, María Yáñez

Encontro do ciclo Urbtopías sobre cidades creativas Mónica Patxot

'A cidade creativa. Onde vives, importa'. Así se presentaba a segunda xornada do ciclo de conferencias 'Urbtopías', que pretende reflexionar e debater sobre o futuro das cidades.

O concepto de cidade creativa e a cultura estiveron no centro do debate desenvolto este mércores na igrexa de Santa Clara, e na que baixo a moderación da xornalista cultural Marta Gómez interviñeron o decano da Facultade de Belas Artes, Xosé Manuel Buxán, a coordinadora da candidatura de Braga como Capital Portuguesa da Cultura, Joana Meneses, e a directora de Vinte, María Yáñez.

Buxán reflexionou sobre as maneiras tradicionais de afrontar a creatividade nos espazos públicos e na interacción da facultade que dirixe coa Boa Vila. Pola súa banda Joana Meneses expuxo o caso da súa cidade, Braga, como se xestiona o seu patrimonio, e falou da importancia das políticas públicas para estimular a creatividade. En canto á xornalista María Yáñez, centrou a súa intervención nos novos espazos culturais creados a partir da pandemia.

Tras esta cita, o vindeiro mércores 26 de abril será quenda para o acto central de 'Urbtopías', que servirá de homenaxe a un dos arquitectos máis prestixiosos do mundo, o danés Jan Gehl, e á súa idea de cidades suaves. Participarán os arquitectos internacionais David Sim e Onda Gustafsson, a arquitecta galega Teresa Táboas e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, con Fernando González 'Gonzo' como moderador. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora