Criticas do PP por ser Pontevedra a única capital galega sen casa de acollida para vítimas de violencia machista

Pontevedra
07 de abril 2025
Actualizado: 17:33

O PP denuncia que o goberno local incumpre o acordo plenario de 2023 para crear este recurso, mentres o CIM atendeu a 205 mulleres o pasado ano

Silvia Junco, do PP, reclama vivendas de acollida para vítimas de violencia machista
Silvia Junco, do PP, reclama vivendas de acollida para vítimas de violencia machista / PP de Pontevedra

A cidade de Pontevedra continúa sendo a única capital de provincia en Galicia que carece dunha vivenda de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero e os seus fillos, segundo denunciou este luns a concelleira popular Silvia Junco.

A edil criticou a inacción do goberno local do BNG, que non iniciou ningún trámite para crear este servizo pese ao acordo plenario aprobado en setembro de 2023.

A situación resulta especialmente grave considerando que só o 13% das prazas en casas de acollida de Galicia atópanse na provincia de Pontevedra, ningunha delas na capital.

Esta carencia obriga as vítimas a abandonar a súa contorna e trasladarse a outras localidades, agravando a súa xa difícil situación.

Os datos do Centro de Información á Muller (CIM) subliñan a urxencia deste recurso: en 2024 atendéronse 205 casos de violencia de xénero en Pontevedra, segundo o PP.

"Mentres outras cidades galegas actúan, en Pontevedra fálase moito pero se fai pouco. Levamos máis dunha década sen contar con este recurso", sinalou Junco.

A concelleira popular tamén criticou a "resposta vaga e sen compromiso" do goberno local ante esta situación.

A representante popular tamén cuestionou o cambio de postura do grupo municipal do PSOE, que votou en contra dunha proposta similar en 2019 cando formaba parte do goberno bipartito.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Anabel Gulías, concelleira de Igualdade, lamentou estas críticas afirmando que o PP minte.

"Sorpréndeme que o PP minta nas súas declaracións. Minte cando di que este Concello non fixo nada". asegurou.

"O Concello puxo a disposición da Xunta de Galicia un inmoble, un piso, unha residencia, para poder ter unha casa de acollida", indicou a representante municipal expoñendo que mantivo contactos coa dirección xeral para coñecer os requerimentos para estudar vías de colaboración.

Ademais explicou que están a examinar as características técnicas do inmoble para analizar reformas necesarias e vías para colaborar mediante convenio e achegas da administración.

"Avanzamos, máis lento do que nos gustaría a todas", engadiu Anabel Gulías para rexeitar as críticas do PP: "Non vamos a facer caso destas cuestión oportunistas senón que seguiremos avanzando co compromiso de cumprir o acordo plenario das tres forzas políticas que é o que hai que pór en valor".