Coa colocación da bandeira co arco da vella nos dous balcóns laterais da Subdelegación do Goberno, o titular desta institución, Abel Losada, quixo destacar o "apoio firme" do Executivo central que preside Pedro Sánchez "para que todas as persoas, con independencia da súa orientación sexual, poidan levar unha vida plena e en liberdade".
Abel Losada destacou que a liberdade é unha palabra "que hoxe cómpre rescatar do manoseo que algúns e algunhas fan dela".
Dende o pasado día 23 e ata o 29 de xuño Pontevedra está a vivir unha nova semana de reivindicación dos dereitos sociais, dos dereitos LGBTIQA+, cunha ampla programación do Orgullo.
O mércores 26 e xoves 27 a Casa das Campas acollerá os encontros do Orgullo Pontevedra para falar de realidade non-binaria con Né Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de referentes con Guillermina Domínguez. Outra temática será: familias diversas.
O venres 28, Día do Orgullo LGBTIQA+, Avante LGBT farálle unha homenaxe a María del Carmen del Valle, mestra lesbiana de Cerponzóns que deixou pegada na comarca.
Rematarase cunha gran festa do Orgullo o sábado 29 de xuño, que este ano se muda ao Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e até a madrugada. Iníciase cunha sesión vermú coa actuación de Ana Talibana. Tamén haberá unha sesión DJ durante a tarde con Duendeneta e para rematar, na noite, habrá un concerto de Londreira e e pechará a festa a DJ, Señora DJ.
As oito da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra co lema "Avanzar en Dereitos".
Ademais, dende o día 24 está en marcha unha nova edición de Ambienta, Mostra de Cinema LGBTIQA+.