Ledicia Costas e Sara Vila reflexionan sobre o papel das autoras no mundo editorial

Pontevedra
04 de xuño 2026

As autoras foron as protagonistas da última sesión dos Faladoiros Feministas 2026. A charla, 'A voz escrita das mulleres', estivo conducida pola xornalista Laura Fresneda

Ledicia Costas e Sara Vila nos Faladoiros Feministas 2026
Ledicia Costas e Sara Vila nos Faladoiros Feministas 2026 / Cristina Saiz

A Casa das Campás acolleu este mércores a última sesión dos Faladoiros Feministas 2026 coa participación das escritoras Ledicia Costas e Sara Vila Alonso.

O encontro está incluído no programa Primavera Feminista impulsado pola Concellería de Igualdade que dirixe Anabel Gulías.

A charla, 'A voz escrita das mulleres', estivo conducida pola xornalista Laura Fresneda e reuniu a estas dúas autoras de xeracións distintas.

A idea era reflexionar sobre a literatura, o mundo editorial e as súas experiencias persoais.

Ambas as autoras responderon a preguntas como de que falan as mulleres cando alzan a voz, tamén a escrita; que buscan nun libro as lectoras e lectores; que valora unha editorial para publicar unha novela, ou que ten en conta un xurado para dar un premio.

Ledicia Costas (Vigo, 1979), Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil en 2015, compartiu a súa traxectoria tanto na literatura infantil e xuvenil como na dirixida a adultos, con títulos como 'Golpes de luz', 'Infamia' ou 'Pel de cordeiro'.

Pola súa banda, Sara Vila Alonso (As Neves, 1989) achegou a súa visión como unha das voces emerxentes da narrativa galega, marcada pola súa formación xornalística e obras como 'Oito días sen Eva Cortés', baseada na desaparición de Sonia Iglesias.