A apertura do centro de día de Cuntis parece que, por fin, vai en camiño. O Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está a facer, segundo o Concello de Cuntis, as primeiras obras de acondicionamento para que este equipamento poida abrir as súas portas.
O Concello cumpriu coa primeira fase das obras dotando ao centro de electricidade e saneamento e o Consorcio empezou a traballar no acondicionamento.
Ademais, o goberno municipal mellorará a zona de entrada ao centro e tamén o aparcamento.
Os orzamentos da Xunta para 2018 inclúen unha partida de 90.000 euros para sufragar o equipamento necesario para que o centro de día poida desenvolver a súa actividade.
Desde o Concello valoran positivamente que se inicien estas actuacións para que se poida cumprir coa requirida apertura do centro canto antes.