Cuntis estrea punto de encontro veciñal coa mellora do cruceiro en Troáns

Umia
26 de maio 2018

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos inauguraban este venres a mellora da contorna do cruceiro en Campo, Troáns

Mellora da contorna do cruceiro de Campos, Troáns Deputación de Pontevedra - Concello de Cuntis

A presidenta da Deputación Provincial, Carmela Silva e o alcalde de Cuntis, Manuel Campos inauguraban este venres a mellora da contorna do cruceiro en Campo, Troáns.

A obra contou cun orzamento que superaba os 21.000 euros e se financiaba a través do Plan Concellos da institución provincial. Os traballos centráronse en mellorar toda a zona dotándoa dun ton "enxebre" que a converte nun punto de encontro para a veciñanza.

A presidenta provincial destacou a importancia de coidar do patrimonio natural e cultural en referencia ao cruceiro, que data do século XVIII. Neste sentido, o alcalde de Cuntis afirmaba que ata o momento, ningunha administración fixera nada por protexer e destacar este elemento patrimonial.

Os veciños tiñan denunciado o risco de caída debido ás diferentes alturas que había nesta contorna. Retiráronse elementos de formigón, coma un lavadoiro e se encintaron as pedras do muro, ademais de limpar a vexetación e retirar a maleza para plantar novas especies. 

A Deputación de Pontevedra destinou durante 2017 ao redor de 535.000 euros en Cuntis dentro do marco do Plan Concellos.