O pleno ordinario do Concello de Cuntis correspondente ao mes de novembro aprobou cos votos favorables de todos os grupos o inicio do procedemento de contratación do proxecto de remodelación da seguridade viaria no polígono industrial da Ran.
O alcalde Manuel Campos valorou a importancia que este proxecto ten para o desenvolvemento do polígono industrial.
O rexedor lembrou que se está traballando conxuntamente coa Sociedade Estatal de Promoción e Equipamento para impulsar o desenvolvemento da viabilidade económica do polígono cuntiense, tal e como lle trasladou o propio director xeral do SEPES, Alejandro Soler Mur.
Tamén agradeceu a implicación da Deputación ao conceder financiamento a este proxecto. O investimento previsto de 554.625,33 euros.
O goberno local de Cuntis asegura que o polígono da Ran foi a súa aposta desde o primeiro día, xa que o consideran vital para a mellora económica do municipio.
Así trazou unha folla de ruta que pasa por conseguir a titularidade das parcelas, dotar de servizos ao polígono, garantir a viabilidade das empresas e atraer novas sociedades.