Cuntis poderá usar a casa reitoral de San Fiz de Estacas para actividades culturais

Umia
15 de maio 2021

A través do convenio asinado entre ambas partes, o Concello poderá desenvolver nesta contorna privilexiada actividades como visitas, eventos lúdicos e de carácter cultural, así como todo tipo de iniciativas de promoción turística ou de fomento de emprego

Casa reitoral de San Fiz de Estacas
Casa reitoral de San Fiz de Estacas /

A casa reitoral de San Fiz de Estacas acollerá actividades diversas actividades municipais tras o acordo alcanzado entre o Concello de Cuntis e o Arcebispado de Santiago. 

A través do convenio asinado entre ambas partes, o Concello poderá desenvolver nesta contorna privilexiada actividades como visitas, eventos lúdicos e de carácter cultural, así como todo tipo de iniciativas de promoción turística ou de fomento de emprego.

Será responsabilidade da administración municipal dispor os medios materiais e persoais necesarios para o desenvolvemento das actividades que contempla o documento.

Así mesmo, o Concello comprométese a respectar os valores culturais e patrimoniais do conxunto e a levar a cabo as tarefas de conservación que sexan necesarias para o desenvolvemento das diferentes actividades e nomeadamente aquelas relacionadas coa limpeza e a roza da parcela para mantela en óptimas condicións.

O alcalde, Manuel Campos, mostrouse "moi satisfeito" coa sinatura deste convenio e salientou que suporá un "impulso importantísimo" para o desenvolvemento cultural e turístico de Cuntis, ao empregar este "espazo bucólico" como contedor de actividades lúdicas e culturais.

O de San Fiz de Estacas é un importante conxunto artístico composto dunha igrexa, vía crucis, unha casa reitoral e un gran hórreo, rodeado dun fermoso marco natural.

As súas orixes remóntanse ao século XVI e aseméllase a outros conxuntos históricos doutras comarcas de Galicia que reflicten a economía feudal da época e o gran poder eclesiástico existente no momento da súa construción. 

A casa reitoral atópase nun estado de conservación moi decente e é o hórreo outro dos elementos máis destacables, contando con oito pares de columnas apoiadas en grosos muros que serven para elevar o hórreo, que ten uns quince metros, e salvar o desnivel do terreo.

En fronte á reitoral está a igrexa de San Fins, que ten unha típica estrutura de igrexa barroca galega coa súa simple fachada e a súa torre á dereita rematada en campanario.