Cuntis pon en marcha un obradoiro de cociña de inverno

Umia
10 de febreiro 2020

O Concello lanza unha oferta de emprego para a contratación dun técnico superior que se ocupe do programa de prevención de condutas adictivas no ámbito local

Curso de cociña organizado polo Concello de Cuntis Concello de Cuntis

A Casa do Médico de Cuntis acolleu o pasado venres a primeira sesión de curso de cociña de inverno que organiza o Concello. Os participantes tiveron a oportunidade de cociñar diferentes pratos propios desta época do ano creados a partir de produtos de tempada seguindo as instrucións dun chef profesional.

Nas clases participou tamén o rexedor Manuel Campos, quen non só compartiu as leccións cos seus veciños, tamén a degustación das preparacións coa que se pechou a primeira das dúas sesións que compoñen o taller.

A próxima xornada celebrarase o 21 de febreiro a partir das 20.30 horas no mesmo lugar e o prazo de inscrición atópase xa aberto. 

OFERTA DE EMPREGO

O boletín Oficial da Provincia publica este luns a convocatoria dun técnico superior en réxime laboral para desenvolver o proxecto de prevención de condutas adictivas no eido local. O prazo de presentación de instancias é de vinte días a contar a partir da publicación das bases no taboleiro electrónico de anuncios do Concello de Cuntis.