Cuntis prepárase para "facer historia" co seu gran desfile de Entroido

Umia
27 de febreiro 2026
Actualizado: 12:11

A cita reunirá a preto de 700 participantes, unha cifra que supón un récord para o municipio. O desfile partirá ás 11:00 desde o Pavillón Municipal e repartiranse até 3.000 euros en premios

Desfile de Entroido de Cuntis 2025
Desfile de Entroido de Cuntis 2025 / Concello de Cuntis

O Concello de Cuntis prepárase para "facer historia" este domingo 1 de marzo coa celebración do seu gran desfile e concurso de Entroido.

A cita reunirá nas rúas da vila a preto de 700 participantes, unha cifra que supón un récord para o municipio.

A decisión do goberno local de aprazar o desfile a esta data, debido ás inclemencias meteorolóxicas e en busca dunha previsión máis favorable, resultou ser "un éxito rotundo".

Ao ampliarse o prazo de inscrición até o xoves 26 de febreiro, a resposta veciñal foi masiva, ascendendo a cifra de participación a un total de 7 comparsas, 13 grupos, 10 parellas e 7 participantes individuais.

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, mostrouse "profundamente satisfeito" pola gran expectación xerada e destacou a vitalidade que está a vivir o municipio nas últimas semanas.

"Vimos dunha fin de semana histórica coa celebración da XXVII Festa Gastronómica do Lacón con Grelos de Cuntis na que se bateron récords, e agora agardamos novamente un Entroido multitudinario no que a vila se encherá, e iso repercutirá de maneira directa nos nosos establecementos comerciais e hostaleiros", sinalou.

O desfile partirá ás 11:00 horas desde o Pavillón Municipal e encherá de cor e alegría as rúas de Cuntis.

A comitiva pasará pola rúa Pedro Campos, Circunvalación Don Aurelio, rúa da Presiña, rúa do Balneario e rúa Bernardo Sagasta, para regresar de novo pola Circunvalación Don Aurelio até o Pavillón Municipal.

O certame repartirá até 3.000 euros en premios entre as distintas categorías.

O xurado valorará a música e a coreografía, o deseño e a confección dos disfraces, a orixinalidade das propostas e a animación e simpatía dos participantes.

O acto celebrarase unha vez finalizado o desfile e concluída a deliberación do xurado na praza da Constitución.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora