Cuntis quenta os fogóns cunha nova edición do Tapalacón

Umia
01 de febreiro 2023

O Concello de Cuntis comeza o seu mes grande cunha nova edición do Tapalacón

Xente gozando das propostas gastronómicas de Tapalacón en Cuntis
Xente gozando das propostas gastronómicas de Tapalacón en Cuntis / Diego Torrado

O Tapalacón 2023 anticipa a vindeira fin de semana o entroido cuntiense e a Festa do Lacón con Grelos que este ano se celebrará o día 26 de febreiro.

O certame gastronómico contará nesta edición coa participación de 10 establecementos hostaleiros de Cuntis, que servirán os días 10 e 11 de febreiro tapas a 1 euro realizadas a base de lacón con grelos en horario de 19.00 a 23.30 horas o venres e o sábado e de 12.30 a 15.30 o domingo.

O concurso permitiralles a aqueles veciños e visitantes que consuman nos locais participantes e selen a tarxeta coas súas tapas favoritas entrar nun sorteo con tres viaxes a diferentes puntos da xeografía nacional.

Nesta edición os establecementos participantes son: A Tenda da Ponte, A Bolera, O Moncho, Don Manuel, O Traspaso, A Casa da Burga, O Parladoiro, O Paseo O Chelsea e A Fontiña.

Todos estes locais servirán unha tapa por consumición por valor de 1 euro. Durante a ruta de tapeo os participantes poderán desfrutar das actuacións da Agrupación Municipal de Música e Baile de Cuntis e do Grupo Folclórico Hai que Roelo. 

O Concello de Cuntis, a través da concellería de Turismo, anima a toda a veciñanza de Cuntis, así como aos turistas a desfrutar desta nova edición do Tapalacón e a degustar as exquisitas elaboracións dos hostaleiros a base dos ingredientes do lacón con grelos.

Ademais o concello contará con Iván Méndez que impartirá unha clase maxistral para ofrecer un lacón con grelos cociñado de forma diferente pero sen perder a súa esencia. O obxectivo deste taller de cociña centrase en elaborar unha preparación cun estilo innovador.

A Casa do Médico converterase no escenario onde os asistentes poderán gozar das leccións do cociñeiro e resolver todas aquelas dúbidas que xordan na elaboración deste prato tradicional en Cuntis.

E se fose pouco, o sábado pola mañá será a quenda dun taller de repostaría para elaborar as doces típicas do entroido que tan ben lle quedan a este prato típico.