David Cal, Gómez Noya, Lucía Vázquez... todos están contra as trampas para ciclistas nos montes

Pontevedra
03 de novembro 2015

As asociacións Pedaladas e Masa Crítica Pontevedra, as primeiras en a amosar o seu rexeitamento e en convocar dúas concentracións para o 8 de novembro, están a recibir o apoio de numerosos colectivos ciclistas da provincia e de figuras destacadas do mundo do deporte como Anuska Vilas e Álex Marque e da televisión, como Federico Pérez e David Amor

Lucía Vázquez apoia as concentracións contra as trampas a ciclistas nos montes Asociación Pedaladas

As trampas para ciclistas colocadas nos camiños do Monte Castrove e noutros montes da comarca están a recibir unha forte oposición. As asociacións Pedaladas e Masa Crítica Pontevedra, as primeiras en a amosar o seu rexeitamento e en convocar dúas concentracións para o 8 de novembro, están a recibir o apoio de numerosos colectivos ciclistas da provincia e de figuras destacadas do mundo do deporte como o cinco veces campeón do mundo de tríatlon Javier Gómez Noya, o cinco veces medallista olímpico David Cal ou a gañadora do Taça de Portugal e bronce nacional de ciclismo, Lucía Vázquez. 

Estes tres deportistas e outros con recoñecemento no mundo do ciclismo como Anuska Vilas, terceira no campionato galego de maratón BTT, o Álex Marque, gañador da Volta Portugal 2013, amosaron o seu apoio ás concentracións de condena pola presenza das trampas, así como figuras máis televisivas e, ao tempo, amantes da bicicleta, como Federico Pérez (Moncho de Lameiro en Era Visto da TVG) ou o humorista e actor David Amor

Todos están a confirmar a súa asistencia con fotos cos carteis dando unha mostra de unidade e concienciación da barbarie que son as trampas no monte. Animan a participar nas concentracións, que están convocadas para as 11.15 horas no aparcamento do campo de Golf de Meis e as 12.30 horas na praza de España.

A asociación Pedaladas reitera que o obxectivo destas trampas é o de limitar o acceso dos ciclistas aos montes galegos e solicita ás distintas administraciones que fagan unha defensa pechada das actividades lúdico deportivas no monte que sexan respectuosas co medio. Lembran que a bicicleta de montaña é unha actividade deportiva que permite acceder ao patrimonio histórico, paisaxístico e natural que hai nos montes galegos, a parte de ser un motor económico e turístico que dinamiza áreas rurais, polo que "non debemos permitir nin as trampas nin que se impida o paso aos ciclistas".

A última trampa atopada estaba moi próxima a unha zona de aproveitamento micolóxico e con castañas. Esta trampa era unha táboa dun metro e medio con cravos camuflada con follaxe, polo que existe moito risco neste monte de ter un accidente grave ao pisar este tipo de trampas. Pedaladas e Masa Critica Pontevedra invitan a que calquera persoa que localice unha destas trampas informe das mesmas á Policía Autonómica no teléfono 886206142.