'De bruxas e bolboretas', unha marea de accións contra a violencia de xénero

Pontevedra
09 de marzo 2015

O Concello de Pontevedra e a Universidade de Vigo, a través das facultades do campus, realizarán actividades que se visibilizarán a semana previa ao 25 de novembro, o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Entre os traballos previstos destaca un mural permanente que será modificado cando se produzan accións violentas contra as mulleres  

Contido do proxecto 'De bruxas e bolboretas' /
Presentación de 'De bruxas e bolboretas'
Presentación de 'De bruxas e bolboretas'

O Vicerreitorado do Campus do Pontevedra da Universidade de Vigo e o Concello de Pontevedra promoven o programa de promoción sociocultural, Tangram, unha iniciativa que acolle agora a proposta 'De bruxas e bolboretas' a través da que se desenvolverán diferentes actividades coa intención de promover a igualdade e a prevención ante os casos de violencia de xénero.

Esta iniciativa centrarase na realización de diferentes accións que se visibilizarán publicamente durante a semana previa ao 25 de novembro, con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. A proposta centrarase en realizar equipos, formados por estudantes das diferentes facultades do campus de Pontevedra, que traballarán no desenvolvemento de campañas que desexen poñer en marcha, de manera creativa, para denunciar e sensibilizar en relación cos actos contra as mulleres. O obxectivo é intentar chegar á sociedade, dunha maneira semellante ao que sucedeu coa última campaña de cartelería.

Nas próximas semanas iniciarase unha campaña de captación de participantes e segundo explicaron as responsables de dinamización do programa Tangram, Orballo Gómez-Juncal e Ana Seoane, durante a presentación de 'De bruxas e bolboretas' no Concello pontevedrés, elaborarase un programa formativo que se centrará na área educativa, no da comunicación mediática e na artística. Este acto contará coa presenza da concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces e do vicerreitor, Juan Manuel Corbacho.

Carmen Fouces sinalou que tamén está previsto, dentro das actividades, a elaboración dun mural permanente que se situará na denominada Praza 8 de marzo, no entroncamento entre a Peregrina e Daniel de la Sota. O mural, segundo apuntou, modificarase cando se produzan accións denunciables contra as mulleres.