De luns a xoves, as tardes viviranse con música e animación co Animatrón do parque das Palmeiras

Pontevedra
14 de xullo 2019

Animatrón chegará este luns 15 prolongarase ata o xoves 18 de xullo. De 18.00 a 21.00 horas haberá unha completa programación infantil. A participación é aberta e de balde e ten como obxectivo contribuír a ofrecer actividades para todos os públicos 

Animatrón Cristina Saiz

O Parque das Palmeiras acolle dende este luns 15 de xullo unha das citas infantís das festas do verán: o espazo Animatrón, que inclúe actividades de animación, actuacións de música e monicreques e obradoiros temáticos para os máis pequenos da familia. 

Animatrón prolongarase durante toda a semana, ata o xoves 18 de xullo en horario de tarde. De luns a xoves de 18.00 a 21.00 horas haberá unha completa programación infantil. 

A participación é aberta e de balde e ten como obxectivo contribuír a ofrecer actividades para todos os públicos, neste caso para os máis pequenos. 

No apartado de animación haberá inchables, obradoiros de maquillaxe e tatuaxes, zancudos, pallasos, motociclistas e a ludoteca 'Constrúe a túa nova cidade'. 

A programación musical incluirá actuacións do Home Orquestra e espectáculos a cargo de Títeres Taravellos e Mago Noel. Ademais, Rivel proporá para os nenos xogos musicais.

Cada día da semana haberá un obradoiro temáticos distinto e os nenos poderán explorar o mundo indio, o tempo ou o universo do globo.

Consulta aquí o programa completo das Festas de Verán de Pontevedra.