Decenas de persoas claman "SOS Castiñeiras" cunha andaina reivindicativa

Vilaboa
03 de xuño 2018

Trátase da primeira actividade organizada pola plataforma SOS Castiñeiras, que busca poñer freo ao abandono e deterioro que sofre o parque e a súa contorna e demandar a implicación da Xunta de Galicia na conservación e promoción deste valioso espazo ambiental, cultural e de lecer 

Andaina reivindicativa da plataforma SOS Castiñeiras
Andaina reivindicativa da plataforma SOS Castiñeiras / Diego Torrado

Decenas de persoas sumáronse este domingo á primeira actividade organizada pola recentemente creada plataforma SOS Castiñeiras, unha andaina reivindicativa polo lago e o parque de Castiñeiras coa que pretenden dar a coñecer as súas demandas de poñer freo ao abandono e deterioro que sofre o parque e a súa contorna e demandar a implicación da Xunta de Galicia na conservación e promoción deste valioso espazo ambiental, cultural e de lecer.

A actividade contou co apoio da plataforma Salvemos Vilaboa que estes días se mantén en loita constante para tentar evitar que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) execute a orde xudicial de derrube dunha vivenda de Santa Cristina de Cobres afectada pola Lei de Costas. 

Ademais, a organización convidou a participar a Gaspar Bernárdez Villegas, enxeñeiro forestal e do medio natural, ben coñecedor da enorme riqueza natural e cultural do parque, para que fose dando pequenas explicacións durante o percorrido; e a Álvaro Arizaga Castro, arqueólogo marinense e profesor na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza en Pontevedra.

O percorrido foi moi sinxelo, polo que se sumaron persoas de todas as idades, que puideron gozar da enorme riqueza natural e patrimonial que atesoura este espazo, coñecendo, por exemplo, varias mámoas.

A plataforma está integrada polas comunidades de montes de Marín e Vilaboa e unha serie de entidades sociais dos concellos da contorna.