Decomisados 525 quilos de semente de mexillón e unha lancha na ría de Pontevedra

Bueu
07 de maio 2026
Actualizado: 20:10

O Servizo de Gardacostas trasladou o material ao Igafa tras un operativo de vixilancia contra a extracción irregular na Illa de Onza, preto de Ons

O servizo de Gardacostas interviña na ría de Pontevedra Consellería do Mar

O Servizo de Gardacostas de Galicia incautou 525 quilos de semente de mexillón e unha embarcación auxiliar na ría de Pontevedra.

A intervención, coordinada pola Consellería do Mar, tivo lugar nas proximidades da Illa de Onza, situada a 600 metros da Illa de Ons, durante un dispositivo de control da actividade extractiva.

No operativo participaron de xeito conxunto a Unidade Operativa de Pontevedra e a dos Servizos Centrais. Para os labores por mar, os axentes empregaron a patrulleira María Figueroa e a lancha auxiliar do buque Sebastián de Ocampo.

Durante a inspección, os efectivos detectaron a recollida de bivalvo fóra da normativa e levantaron unha acta de presunta infracción.

Gardacostas decomisaba semente de mexillón na Illa de OnzaConsellería do Mar

Ademais da semente, os gardacostas comisaron unha embarcación pertencente á cuarta lista e dez raspas, ferramentas utilizadas habitualmente para desprender a cría das rochas.

A mercadoría foi levada inicialmente á lonxa de Portonovo. Posteriormente, as autoridades entregaron o produto ao Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, onde se destinará a labores de investigación e prácticas formativas do alumnado.

A Consellería do Mar indicou que a extracción e comercialización sen control afecta á sustentabilidade dos ecosistemas mariños e supón un risco para a saúde pública.

Esta práctica interfire tamén na actividade dos profesionais do sector que exercen o seu traballo baixo o marco legal vixente.