Decorar de Nadal a fachada da casa pode ter premio en Vilaboa

Vilaboa
19 de novembro 2021

O Concello de Vilaboa quere poñer a proba o espírito do Nadal da veciñanza e ven de convocar un concurso de decoración no que convida a participar a veciños de todas as parroquias

Casa iluminada de Nadal en Figueirido
Casa iluminada de Nadal en Figueirido

O Concello de Vilaboa quere poñer a proba o espírito do Nadal da veciñanza e ven de convocar un concurso de decoración no que convida a participar a veciños de todas as parroquias. 

Para facelo basta con ambientar unha xanela da vivenda, o balcón, toda a fachada ou o recuncho que cada un elixa. Logo hai que fotografar o resultado e enviar a imaxe, xunto coa dirección da vivenda e un número de teléfono de contacto, a [email protected] antes do 10 de decembro. 

Un xurado integrado por membros da administración local visitará cada unha das vivendas participantes no concurso entre o 10 e o 17 de decembro para escoller aos gañadores que recibirán os seus premios, tres cestas cheas de produtos típicos destas datas, antes de 23 de decembro.

O xurado premiará a creatividade, a orixinalidade, a iluminación e o espírito do Nadal de cada vivenda participante xa que o obxectivo é que esta convocatoria contribúa a recuperar a normalidade despois da pandemia creando unha sinerxia social entre parroquias para descubrir novos decorados.

O Concurso busca tamén convidar a veciñanza a saír de casa, dinamizando o consumo nos establecementos locais co pretexto de gozar da iluminación. Esta iniciativa estende a todo o municipio a ambientación de Nadal que desde hai varios anos promove a asociación de veciños de Figueirido na súa parroquia e que este ano organiza novamente.