Xa se pode degustar a sétima colleita "Excelente" da D.O. Rías Baixas

O Salnés
12 de agosto 2025

Converterse nunha colleita Excelente ou Magnífica non é nada fácil. Tanto é así que tiveron que pasar 8 anos, desde a colleita 2016, para que se volva a repetir a máxima puntuación.

Vinos de la Denominación de Origen Rías Baixas

Moitas adegas da D.O Rías Baixas esperan á primavera ou ao verán para estrear a nova colleita. "O bo faise esperar", pero é que entenden que estes brancos atlánticos necesitan tanto de tempo de elaboración como en botella antes de saír ao mercado. E a pesar da impaciencia dalgúns hai que esperar a que a colleita estea no seu momento idóneo para compartila. E así sucedeu coa 2024, que xa se pode dicir que está no mercado e que conta coa cualificación de "Excelente". Un feito máis que reseñable, pois só son sete as colleitas valoradas coa máxima puntuación en toda a historia deste Consello Regulador. E é que converterse nunha colleita Excelente ou Magnífica non é nada fácil. Tanto é así que tiveron que pasar 8 anos, desde a colleita 2016, para que se volva a repetir a máxima puntuación.

Probablemente estase a preguntar: que debe ter unha colleita en Rías Baixas para ser "Excelente"? Pois segundo a descrición do Panel de Cata desta denominación: Visualmente teñen que posuír unha cor amarela pallosa, con tons averdados, limpos e brillantes. Olfativamente contar cunha intensidade alta, con notas froiteiras de mazá, de froitos de óso, cítricos e flores brancas. E gustativamente, ser de gran potencial, con moi boa estrutura, longos, equilibrados, con acidez fresca, elegante e ben integrada. Pero se por algo pasarán á historia os viños desta colleita será por ser "complexos, moi varietales, persistentes e, sobre todo, por posuír un gran potencial de garda ou de lonxevidade", como explica o panel de expertos no informe elaborado polo Órgano de Control e Certificación de Rías Baixas.

Cualificar unha colleita non é un acto baladí para o Pleno do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas. Cada ano, o Órgano de Control e Certificación prepara un exhaustivo documento que, entre outras cuestións de interese, recolle o viño verificado da colleita, concretamente a 2024, que a data de 31 de maio de 2025 ascendía a 14.094.132 litros, ou sexa, o 48,6% do total do viño elaborado da colleita. Tamén o acompaña de datos relativos ao ciclo vexetativo, así como dos resultados comparados da análise sensorial e fisicoquímica de 599 mostras pertencentes a 128 adegas. Este proceso de certificación tamén inclúe un exixente sistema de cualificación do panel de cata deste Consello Regulador, integrado por 30 profesionais, cuxa función é valorar cada unha das mostras, que é avaliada por un mínimo de 6 catadores por sesión. Esta acción garante a calidade dos viños de Rías Baixas.

UNHA COLLEITA CON FUTURO

O gran potencial de garda ou de lonxevidade da colleita 2024 fará que esta siga moi presente na mente do consumidor pola súa calidade e cualidades. Quen sabe canto tempo pasará ata que outra nova colleita consiga a máxima cualificación. 

Alguén probou xa algún Rías Baixas, Rías Baixas Albariño, Rías Baixas Condado de Tea, Ribeira do Ulla, Rosal, Salnés, Espumoso de Calidade ou Rías Baixas tinto desta colleita?

FACENDO HISTORIA

Só 7 colleitas cualificáronse como "Excelente" desde 1987 na D.O. Rías Baixas, concretamente as de 1989, 2004, 2005, 2006, 2007, 2016 e a actual, 2024.