O grupo municipal do BNG de Marín trasladou unha proposta oficial á Comisión de Promoción Económica para que o Concello opte á convocatoria do programa do 2% Cultural, impulsado polo Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.
A iniciativa, presentada pola portavoz nacionalista Lucía Santos, pon o foco no importante catálogo de Bens de Interese Cultural (BIC) cos que conta o municipio.
Marín dispón actualmente de 15 estacións de gravados rupestres e unha mámoa, un legado que, segundo o BNG, sitúa ao concello nunha posición privilexiada para captar estes fondos destinados á restauración e posta en valor de inmobles históricos.
A convocatoria estatal publicouse o pasado 10 de decembro e o reloxo xa corre para a administración local: o prazo para presentar os proxectos remata o vindeiro 18 de febreiro de 2026.
Lucía Santos subliñou que Marín xa conta cun Plan de Protección do Patrimonio Arqueolóxico aprobado, unha ferramenta técnica que facilita o cumprimento dos requisitos esixidos polo Ministerio.
"É unha oportunidade clara para protexer e facer accesible un patrimonio único, impulsando un modelo turístico sustentable", defende Santos.
Dende o BNG consideran que o aproveitamento destes fondos non só garantiría a supervivencia física dos petróglifos e monumentos megalíticos, senón que serviría como motor económico para un desenvolvemento cultural e turístico de calidade.
A formación insta o goberno municipal a redactar un proxecto "rigoroso" para non deixar escapar unha subvención que permitiría avanzar de xeito definitivo na divulgación do pasado de Marín.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.