A iniciativa do BNG para abrir Marín ao mar avanza no Congreso coa abstención de PP e PSOE

Marín
27 de novembro 2025
Actualizado: 17:56

O Congreso avala a proposta dp BNG para a cesión das zonas en desuso do Porto de Marín e as infrautilizadas da Escola Naval para ampliar os espazos públicos dispoñibles

Escola Naval Militar de Marín
Escola Naval Militar de Marín / Mónica Patxot

A Comisión de Defensa do Congreso dos Deputados aprobou este xoves unha iniciativa impulsada polo deputado do BNG, Néstor Rego, que insta o Goberno do Estado a avanzar no proxecto "Abrir Marín ao Mar" e a ceder ao concello diversos espazos portuarios e militares actualmente en desuso ou infrautilizados. O obxectivo é gañar zonas verdes e novos espazos públicos para a cidadanía.

Rego defendeu que Marín leva décadas "fechada ao mar", limitada polos valados do Porto e da Escola Naval Militar, e insistiu en que a humanización dese ámbito pasa por recuperar áreas hoxe desaproveitadas.

"A cidadanía ten dereito a acceder ao mar" afirmou Rego que sinalou que a apertura non supón ningún prexuízo nin para a Escola Naval nin para o porto xa que trátanse de espazos prescindibles que poden ter un gran valor social, apuntou durante o debate.

A iniciativa contou coa abstención de PP e PSOE, pero saíu adiante, e reclama ao Executivo que poña en marcha a cesión de parte dos terreos de Portos do Estado e da Escola Naval para usos públicos, zonas verdes e espazos de esparexemento.

Entre as actuacións concretas, proponse que o Ministerio de Transportes ceda de xeito gratuito, a través dun convenio co Concello de Marín e a Autoridade Portuaria, áreas como o Paseo da Avenida de Ourense, o edificio de servizos e a pista deportiva, o Parque Azul de Cantodarea, o paso inferior e novos accesos á zona suroeste da área portuaria. Tamén se pide incorporar ao expediente a dársena de embarcacións menores, a parcela da antiga nave de Pérez Torres xa demolida, o edificio destinado a cafetería no inicio do Paseo Alcalde Blanco e un inmoble de dúas plantas na Avenida de Ourense, 86, que se reservaría como centro social para o barrio de Cantodarea.

Outra das propostas aprobadas establece que as edificacións destinadas a oficinas e almacéns no antigo Peirao da Ribeira —incluído o edificio de Satlink, hoxe en concesión— pasen na súa totalidade ao Concello unha vez remate o período concesional.

En paralelo, a iniciativa demanda ao Ministerio de Defensa que tramite a cesión gratuíta e permanente da área situada na entrada da Escola Naval —onde está a pista de atletismo— e que retranquee o muro perimetral até as inmediacións do Edificio de Aulas, onde se ergue a Torre do Reloxo. A finalidade é abrir ese espazo ao uso público civil, ampliar as zonas verdes, facilitar o acceso ao peirao para actividades náutico-deportivas dos clubs locais e mesmo habilitar un futuro Museo Municipal.

Segundo Rego, trátase dunha "oportunidade histórica" para que Marín recupere o seu vínculo coa costa e gañe novos espazos de convivencia.

POSTURA DO PSOE

A deputada socialista Marica Adrio defendeu no Congreso que calquera proxecto para abrir Marín ao mar debe partir do Concello e contar "cun mínimo consenso", así como con estudos técnicos e orzamentarios sólidos.

Adrio lembrou a colaboración actual entre o Ministerio de Defensa e o municipio, e advertiu de que a iniciativa non pode prexudicar á Escola Naval, que está en proceso de expansión e adaptación ás novas necesidades docentes e loxísticas.