Tras un ano como responsable comarcal do BNG en Pontevedra, Eva Villaverde será substituída no cargo polo edil pontevedrés Demetrio Gómez. Trátase dun relevo que se produce tras a entrada da deputada provincial na executiva nacional do BNG, que obrigou aos nacionalistas a iniciar unha renovación que, destacan, está a ser "tranquila e ordenada".
A asemblea comarcal apoiou por unanimidade este cambio na dirección que tamén afecta ao ata agora vicerresponsable, Manu Lourenzo -portavoz do BNG en Soutomaior-, que será substituído por Anabel Gulías, tamén concelleira en Pontevedra.
Demetrio Gómez explicou que a nova dirección traballará coa vista posta nun "fito marcado" no calendario, as eleccións municipais de 2019.
Para esta cita coas urnas, o dirixente nacionalista explicou que na comarca o BNG chegará cun traballo "importante" ás súas costas: tres alcaldías -catro se non fóra pola moción de censura en Pontecesures- e a súa presenza noutros dous gobernos municipais.
Ademais, o BNG buscará "afianzar" a organización política e que o partido "traballe como unha única persoa" en toda a comarca, ao estar convencidos de que Galicia necesita un nacionalismo "forte"; e actuar "coordinadamente" coa dirección nacional do partido que encabeza Ana Pontón e onde Pontevedra "ten un peso destacado", segundo Gómez.
Demetrio Gómez e Anabel Gulías estarán, xunto con Lourenzo e Marga Caldas, concelleira en Poio, á fronte deste novo consello comarcal, composto por corenta persoas. Neste órgano están representados os catorce concellos que forman a área territorial do BNG -tras a incorporación de Cuntis- e hai unha notable presenza de militantes de Galiza Nova.
Un de cada catro membros deste consello comarcal son integrantes das mocidades do BNG, con Sabela Bará e Alberte Fernández á cabeza. Xunto a eles están tamén os alcaldes de Pontevedra, Poio e Barro, os tres municipios que gobernan os nacionalistas, catro membros da dirección nacional ou o ex portavoz nacional, Guillerme Vázquez, entre outros.
"Temos un grupo que pode facer un traballo importante", destacou Demetrio Gómez.