Denegan a suspensión preventiva das obras do crematorio da Reigosa

Ponte Caldelas
11 de xuño 2015

O auto do Xulgado Contencioso número un de Pontevedra desestima a solicitude da Comunidade de Montes da Reigosa impoñéndolles as costas

Manifestación en Ponte Caldelas contra o crematorio da Reigosa Antón Xil

A Comunidade de Montes da Reigosa tivo o seu primeiro revés xudicial toda vez que o auto do Xulgado Contencioso número un de Pontevedra desestima as medidas preventivas solicitadas no Recurso Contencioso Administrativo presentado contra a licenza concedida polo Concello de Ponte Caldelas para as obras do crematorio nunha parcela do Polígono Industrial da Reigosa.

A Comunidade de Montes no recurso presentado pedira como medida preventiva a suspensión das obras, algo que lle denegou a xuíz no auto.

De momento a xuíz non entrou no fondo do asunto, que deberá decidir cando dite sentenza, pero segundo o alcalde en funcións, Perfecto Rodríguez, "do propio auto dedúcese a plena legalidade da obra".

Ademais ao estar "totalmente inxustificada" a suspensión preventiva das obras que solicitaba a Comunidade de Montes da Reigosa imponlle as costas procesuais relativas a esta peza separada do procedemento.

Perfecto Rodríguez afirmou que o tripartito de Ponte Caldelas "nace baseado nun engano aos veciños"

Perfecto Rodríguez está convencido que ao igual que este auto "tamén a sentenza demostrará que a licenza é totalmente legal e o Concello tiña obriga de outorgala cando o fixo".

Perfecto Rodríguez afirmou tamén que o tripartito de Ponte Caldelas "nace baseado nun engano aos veciños porque non se vai revogar a licenza do crematorio posto que o Concello ten que cumprir a lei, e outorgar licenza cando un proxecto cumpre como foi este caso e denegalo cando non cumpre. O contrario sería cometer un delito de prevaricación".