Denunciada unha furgoneta de paquetería sen pechadura na porta do condutor e outras catro infraccións de tráfico

Pontevedra
07 de decembro 2025
Actualizado: 21:31

A campaña especial de vixilancia e control de furgonetas da Policía Local e a DGT controlou entre o 24 e o 30 de novembro 110 vehículos e impuxo 12 denuncias, a maioría por deficiencias técnicas

Policia Local Pontevedra
Policia Local Pontevedra / Mónica Patxot

A Policía Local de Pontevedra impuxo cinco denuncias ao condutor dunha furgoneta dedicada á repartición de paquetería detectada na avenida de Lugo con outras tantas infraccións. 

Foi o caso máis grave detectado durante a campaña especial de vixilancia e control de furgonetas desenvolvida entre o 24 e o 30 de novembro de 2025 en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico (DGT).

No caso desta furgoneta, a Policía Local de Pontevedra destaca que o "cúmulo de irregularidades" que presentaba puñan en risco a seguridade viaria.

Unha das máis rechamantes foi a relativa ás deficiencias técnicas graves. A porta do condutor carecía de pechadura e mecanismos de fixación, o que podía provocar a súa apertura accidental, incumprindo o regulamento xeral de vehículos.

Ademais, tiña a ITV caducada desde setembro de 2025 e o condutor tiña o permiso caducado

Tamén había irregularidades na titularidade, pois o vehículo fora adquirido en abril de 2025 sen que se realizase o cambio de titularidade no prazo legal de 30 días.

A quinta infracción detectada foi que a furgoneta realizaba servizos de transporte público sen estar dada de alta no rexistro de empresas e actividades de transporte, requisito obrigatorio para vehículos de máis de 2.000 kilos de Masa Máxima Autorizada (MMA).

Finalmente, o vehículo foi sancionado e tamén inmobilizado.

Durante a campaña, a Policía realizou controis a un total de 110 furgonetas e denunciaron 12 vehículos. 

As deficiencias técnicas foron o motivo máis frecuente de sanción, sumando un total de 7 denuncias, maioritariamente por ITV caducada ou estado deficiente do vehículo.

O segundo motivo, que xerou 5 denuncias, foron as irregularidades na documentación do vehículo ou da persoa condutora.

Ademais, detectáronse 2 positivos por presenza de drogas no organismo durante a condución.

O obxectivo principal deste dispositivo foi verificar as condicións técnicas, a documentación e a seguridade destes vehículos, cuxa actividade se intensifica nesta época do ano.